PlamBe

PlamBe
Bibliotecas escolares

martes, 21 de abril de 2026

Tempo de lecer, tempo de ler

Unha das actividades que á nosa rapazada máis lles gusta é o programa "Tempo de lecer, tempo de ler" no que se achegan á biblioteca para escoller unha lectura e despois bótanse fóra a gozar coa lectura e a vitamina solar. Isto recarga enerxías!

Mirade, mirade que ben estaban os alumnos e alumnas de 2º de EP lendo ao sol e quencendo as costas!





Recreos alternativos: Xogos de atención

Continuamos co programa de recreos alternativos que semanalmente fai unha proposta diferente para o tempo de lecer. Nesta ocasión centrámonos nos xogos de atención.







Debate

 A biblioteca escolar ten múltiples usos, un dos máis relevantes que se da no noso centro é o seu uso como espazo para peche de proxectos. Este curso, por exemplo, empregouse deste xeito co alumnado de 1º de ESO, que acudiu á biblioteca para participar nun debate co tema central: Ciencia-Fe.

Este debate forma parte do proxecto Estrelas, no que o alumnado estuda a orixe do universo, a historia... sendo un dos produtos finais do proxecto.





Apadriñamento lector

O alumnado de 4º de ESO continúa co programa de apadriñamento co alumnado de 1º de EP. Esta é unha sesión que os máis pequenos agardan con entusiasmo. 





lunes, 20 de abril de 2026

Club de lectura

 Nos clubs de lectura seguimos lendo e lendo. En Primaria un dos clubs traballou coas Lendas do recreo:

Novidades abril

 Á nosa biblio seguen a chegar novidades. Correde que voan! 



A poesía enche o cole de emocións e palabras compartidas

Hai algo máis marabilloso que a poesía?

No noso centro, co gallo do Día da Poesía, celebrado o pasado 21 de marzo, a biblioteca converteuse nun espazo cheo de maxia, creatividade e sentimentos. Ao longo de varios días, o alumnado participou en diferentes actividades que tiveron como fío condutor a poesía, tanto nos recreos alternativos como no club de lectura.

Os máis pequenos e pequenas de educación infantil achegáronse ás palabras xogando coas rimas, deixando voar a súa imaxinación nun fermoso caderno creativo de poesía. Pola súa banda, o alumnado de educación primaria foi dando continuidade a ese traballo, enchendo páxinas de versos propios e descubrindo o pracer de crear a través de xogos de escritura.

Un dos momentos máis especiais chegou coa visita á residencia de maiores xunto a un grupo do Club de Lectura. Alí, entre miradas cómplices e sorrisos emocionados, o alumnado recitou unha escoima de poemas de autores e autoras como Rosalía de Castro, Lope de Vega ou Roald Dahl, creando unha ponte de emocións entre xeracións.

Para pechar esta experiencia, ao longo desta segunda semana de abril desenvolveuse unha animación lectora centrada na poesía. Grazas á duas nais (Sofia e Libia), varios profesores (Alejandra, Lorena Fernández e Ángel)  e varios alumnos de 6º EP (Aníbal, Martín, Nico, Marta, Nerea, Daniela, Diego y Martina) que, de maneira voluntaria, quixeron compartir a súa voz e o seu tempo, a poesía percorreu cada recuncho do centro dando voz a poemas de Gloria Fuertes, Roald Dahl, Leire Bilbao, Manuel María e Espronceda.

Porque a poesía non só se le, tamén se sente, se comparte e nos une. E esta semana, no noso cole, quedou demostrado que unhas poucas palabras poden encher grandes momentos.








Semana de poesía na biblioteca cun encontro inesquecible na Residencia de Maiores de Caranza

O día 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Poesía. Ao longo desta semana a biblioteca escolar está a realizar unha serie de actividades co gallo desta celebración.

Unha das actividades máis salientables que se realizaron foi un encontro interxeracional na Residencia de Maiores de Caranza o pasado luns 16 de marzo. O alumnado do Club de lectura preparou unha listaxe de poesías para declamar diante dos usuarios da residencia e tamén escoitaron a un usuario dese centro que lles preparara unha poesía moi especial en representación de todos eles. Despois foi o momento de intercambiar opinións e compartir como resultou a experiencia, o traballo que fai o alumnado no club e descubriron que tamén na residencia hai un club de lectura! Como resumo do vivido nese encontro, destacar as palabras de ánimo para continuar mellorando e ampliando as nosas lecturas, que nunca deixemos de ler e destacar a importancia que ten para as nosas vidas un hábito tan saudable como é ler a diario.

Ademais desta actividade que foi a máis impactante, na biblioteca estanse a facer visitas diarias dos diferentes cursos para escoitar lecturas de poemas a cargo de voluntariosmaiores , xogos con poesías e e elaborar un libro de poesías entre todos os asistentes.








Exposición e charla sobre nutrición

 

A biblioteca escolar impulsa hábitos saudables cunha exposición e unha charla sobre nutrición infantil


O equipo de biblioteca continúa dinamizando diferentes actividades ao longo deste segundo trimestre para todo o alumnado.

Desta volta, nas últimas dúas semanas programouse unha exposición sobre nutrición infantil formada por unha serie de paneis con ideas e suxerencias de alimentación para os máis pequenos/as, ilustrados con deseños de Leandro Lamas. Esta exposición foi cedida polo colectivo didáctico medioambiental Lapis Verdes en colaboración coa asociación Muíño do Vento.

Paralelamente a isto, na aula de 3º de ESO realizouse unha charla formativa sobre este tema a cargo de Vitorina Rey Quintiana. O grupo traballara previamente a nutrición na narrativa «Bienestarbien»




Formación entre iguais na biblioteca La Salle

O alumnado de 3º ESO forma a estudantes de EP en alfabetización dixital

A biblioteca escolar do centro acolleu unha actividade formativa enmarcada no Plan de Lectura, Escritura e Acceso á Información (PLEA), coa participación do alumnado de 3º ESO e de 6º de EP.

A iniciativa contou coa colaboración da materia de Tecnoloxía na que se traballou previamente co alumnado de Secundaria na elaboración de diversas presentacións sobre alfabetización dixital. Estas foron expostas nunha xornada dinámica na que os estudantes de 6º de EP se organizaron en grupos para asistir, de maneira rotatoria, ás distintas sesións.

Nestas catro charlas abordáronse preguntas clave para un uso responsable da información que se atopa en internet. O alumnado explicoulles como facer  unha navegación segura, que precaucións deben ter na rede, como detectar noticias falsas —incluso crearon unha fake new como exemplo práctico—, e tamén a importancia do respecto á propiedade intelectual, o plaxio e a importancia de citar sempre as fontes cando se inclúe información extraída dalgunha web.

Ademais, tamén se ofreceron nocións básicas sobre o uso de procesadores de texto, facendo fincapé na elaboración de presentacións, o uso de enlaces e os distintos permisos á hora de compartir documentos.

A actividade resultou moi enriquecedora para todos e todas, fomentando a aprendizaxe colaborativa e o desenvolvemento de competencias dixitais fundamentais e, de seguro, terá continuidade en vindeiras edicións.






Club de lectura

 Último chamamento para apuntarse aos Clubs de lectura!